viernes, 16 de diciembre de 2016

A GALERÍA DE ARTE JOSÉ LORENZO ABRE A EXPOSICIÓN “MANUEL PESQUEIRA. TERRA E VANGARDA” CON 20 OBRAS DO ARTISTA



A obra do pintor de Lantaño (Pontevedra) Manuel Pesqueira Salgado exhíbese na sala principal da galería José Lorenzo de Santiago de Compostela. A mostra, que está centrada nos seus traballos máis clásicos, xa se pode visitar. Está composta por 20 pinturas que permiten comprender as diferentes vertentes estéticas desenvolvidas polo artista ao longo da súa carreira. É a exposición máis completa celebrada nunha galería de arte desde o falecemento do artista en 1988. Moitas das pinturas pasaron por importantes exposicións como a celebrada no Centro Social Novacaixagalicia en 2011, na Casa da Parra en 2002, na Fundación Barrié en 1988 ou na Caixa de Aforros Municipal de Vigo en 1986.  Estará aberta ao público ata o próximo 14 de xaneiro.

Na mostra pódense ver as formas primitivistas e expresionistas, relacionadas con aspectos antropolóxicos, culturais ou sociais da Galicia que viviu o pintor. Practicamente, todas as obras expostas rozan un particular realismo social relacionado coa estética do granito que caracteriza ao movemento renovador da arte galega. É dicir, unha pintura que trata de emular a tradición pétrea da arte en Galicia desde unha óptica vangardista.

As súas obras están poboadas de símbolos propios da tradición rural: o campesiño, a muller, o pescador ou os animais de tiro. Trátase de recursos para exemplificar a terra marxinada e traballadora. Un universo persoal derivado das súas vivencias na súa querida aldea de Lantaño. Esta sería o seu particular centro de operacións pictóricas que só abandonaría, de forma esporádica, para a realización de exposicións. Todo iso, áchase enmarcado nunha paisaxe galega, atmosférica e húmida, rica en matices e variacións tonais de azuis, grises, verdes e marróns.



 Biplasticismo

Algunhas das obras exhibidas responden a un cambio estético que se empeza a percibir en Manuel Pesqueira desde mediados dos anos 70. É o biplasticismo. Isto é unha organización do cadro máis analítica, en diversos planos complementarios que forman un “efecto espello”, como diría Antón Castro. Deste xeito multiplica espazos e concede un sentido dinámico á escena. Segundo o propio Castro, os seus referentes para esta investigación pictórica son o cubismo e a cronofotografía. Con todo, o fío condutor seguirá sendo a estética do granito inspirada nos campesiños da súa aldea natal.



Obras destacadas

Todas as obras que se exhiben atesouran gran calidade, pero cabe salientar unas cantas pola súa especial relevancia. Dúas delas son escenas festivas que, desde unha perspectiva etnográfica, testemuñan as formas de divertirse na Galicia rural dos anos 60. Con gran protagonismo do baile, a música, a conversación e o xogo, os dous traballos definen a mestría de Pesqueira para compoñer ambientes cun gran número de figuras.

Outra obra que capta a atención do espectador ten como protagonista á arquitectura rural, ordenada como un enxame de poderosos volumes cubistas que habitan figuras expresivas. O aspecto é, á vez, vital e cotián.

Finalmente, tamén é destacable unha paisaxe con campesiños, labradores e unha maternidade que, tanto en aspecto formal como simbólico, parece deber moito ao románico popular. Esta obra é, no seu conxunto, unha profunda exaltación da súa terra.




O artista

Manuel Pesqueira Salgado (Lantaño, Pontevedra, 1911 – Poio, Pontevedra, 1988) é un pintor adscrito ao movemento renovador da plástica galega.  Pronto sentiu interese pola pintura, como demostran os debuxos que facía nos cadernos da escola. Trasladouse a Pontevedra con 16 anos e entrou en contacto con membros destacados das Irmandades da Fala, como Castelao, Otero Pedrayo e Vicente Risco. Asistiu ás reunións que o grupo mantiña no Café Moderno e colaborou coa publicación A Nosa Terra, de tendencia galeguista. En 1933 celebra a súa primeira exposición e a súa carreira estivo a piques de verse truncada tras ser ferido no seu brazo dereito durante a guerra civil. Este feito condicionou a súa arte: Pesqueira tivo que adaptarse a pintar coa man esquerda desde 1939 ata o final dos seus días. 



Será en Vigo, nunha exposición en 1950, onde mostre as súas obras realizadas coa man esquerda por primeira vez. Ao ano seguinte participa na mítica exposición colectiva na sala Velázquez de Buenos Aires xunto a Díaz Pardo, Maside, Laxeiro ou Prego, entre outros. Dúas novas exposicións colectivas, en 1967 na sala Quixote de Madrid e en 1972 na galería Sargadelos de Barcelona, provocaron a fascinación da crítica pola capacidade do artista para mostrar a alma de Galicia nos seus óleos. Desde ese momento, Pesqueira xa é un artista consolidado como confirman as súas exposicións na sala Toison de Madrid en 1981 e no Centre International d´Art Contemporain de París en 1984. Neste último con dúas mostras: unha colectiva e outra individual. En 1986 a Caixa de Aforros Municipal de Vigo celebra unha merecida exposición antolóxica de Manuel Pesqueira.