lunes, 8 de abril de 2013

EXPOSICIÓN COLECTIVA “POSGUERRA E ECLECTICISMO”



Xa se pode visitar, na compostelá galería José Lorenzo, a exposición “Posguerra e eclecticismo”, con máis de 40 obras de importantes artistas galegos. A mostra permanecerá aberta ao público até o próximo 20 de abril e conta con importantes obras de, entre outros, Leopoldo Nòvoa, Manuel Molezún, Alberto Datas, Deside, Raimundo Patiño, Antón Goyanes, Rogelio Puente ou Jesús Núñez.

A exposición pon de manifesto o escaso e disperso apoio que as artes plásticas tiveron en Galicia nos anos seguintes á guerra civil, con poucas mostras e mínimo coleccionismo, público e privado. Estas circunstancias dan lugar a un eclecticismo total, sen posibles agrupamentos  e con tendencias que van do expresionismo ao hiperrealismo e da vangarda construtiva ao puro informalismo.

Neste percorrido heteroxéneo pódese ver a expresión informalista de Leopoldo Nòvoa, emparellable coas mellores firmas mundiais, e as composicións xeométricas de cromatismo sobrio e contrastado de Jesús Núñez. Ademáis, “Posguerra e eclecticismo” conta con dúas pezas de Molezún, pioneiro da abstracción en Galicia. Continuando con esta liña abstracta os visitantes poden apreciar varias obras próximas ao grafiti, de debuxo desfeito, de Alberto Datas. Na mesma liña, pero emparentado esteticamente con Grau e Tàpies, atopámonos cunha peza de Deside. Combinando unha abstracción vagamente xeométrica coa figuración, nun resultado de inefable lirismo, pódese ver unha significativa obra de Antón Goyanes. Desde esas sutilezas o espectador pode pasar ao expresionismo apaixoado de Raimundo Patiño, baseado no poderío da cor. O maior contraste, talvez, sexa o minucioso hiperrealismo, intemporal e evocador, de Rogelio Puente.



Arte para tódolos gustos.
                 
Dado o gran número de tendencias que acolle a mostra resulta imposible que o espectador non empatice con algunhas obras. Os saltos estilísticos, que van do máis puro realismo á abstracción, e temáticos, entre naturezas mortas, espidos ou paisaxes permite que todos os visitantes se sintan atraídos por unha ou varias pezas desta mostra. Así pois, se a uns lles pode interesar a obra de Manuel Facal, a outros asistentes vailles suceder outro tanto cos enormes lenzos de Alfonso Costa. Doutra banda, os que prefiran a escultura poden deleitarse coas obras de Manuel Patinha, Leiro ou Paco Pestana.